Luís Rei Núñez
Está rematando o ano máis raro das vidas de todos nos países todos e para min tamén foi raro porque non chegou á caixa do correo ningún dos colaxes de Manuel. O seu pasamento, no outono de 2019, pechou para sempre esa requintada maneira de concibir a amizade consistente en agasallarche delicadísimos galanos realizados por el modesta, artesanal e amorosamente. Co seu pasamento desapareceron tamén a voz cómplice e os risos contaxiosos ó outro lado do fío telefónico e mais os encontros na casa, no café ou nesoutra expresión do foro cívico que é a lectura de versos compartida e en público. Queda con nós, porén, unha obra de longo alento construída desde o don da mirada e un oído con buguina interior. Puido así ofrecernos bálsamos para a alma, desentrañando os seus mecanismos de angustia e celebración coa palabra como unidade de medida.
Boto contas e sáenme vinte libros nos que o querido amigo conseguiu presentar os poemas como fotos da existencia, con pulsión figurativa ante o real profundo e musicalidade enmeigante ante o sen sentido do tempo. Para min foi un privilexio ocuparme da edición de cada un dos seus títulos desde Epicentro, nun perímetro que comprende, entre outros e grazas á súa confianza, Os ángulos da brasa, Premio Nacional de Poesía e, agora, o Clave de bóveda de aparición póstuma.
Atopamos neles un clamor constante contra os pousos dunha infancia rota, contra a fame de soños e pan e contra o medo que arrefría o corazón. Un clamor, asemade, a favor do milagre invencible do amor, do matemático consolo das músicas e do estourar cómplice da rosa e da camelia. Desde Memoria dun silencio, en 1982, fomos convocados por el, teimuda e feramente, á cita cun humanismo existencial que conduce á verdade. Vez tras vez fomos arrastrados ós refuxios do asombro, onde Torneiro xa reina con Mozart, Veermer e Rosalía. Tamén, agora, cos poemas que deixou inéditos e seguen aparecendo en Tambo. Incesantemente, a súa illa. Incesantemente, Torneiro.