Novo disco de guadi galego

Costuras é o título do quinto disco en solitario de Guadi Galego, con dez cancións asinadas por ela e Carlos Abal que transitan dende mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador. Complementan o traballo tres colaboracións: a das poetas Antía Otero e Marina Oural, e a da cantante catalá Paula Grande. A produción musical,  a cargo de Olivera Estudi, dá un novo aspecto ás creacións de Guadi, adentrándose en terreos electrónicos sen esquecer a parte parte máis orgánica e creando texturas dentro do pop. Guadi obtivo en 2019 o Premio a la Promoción de la Realidad Plurilingüe por Immersión. Desta volta con Costuras tenta confirmar o bo momento creativo no que se atopa e reafirmarse na súa maneira de contar.

Costuras está editado nun orixinal Digipack con portada do pintor Ricardo de Barreiro que cada persoa descobre ao rascar a superficie gris que a agocha.

Pero as novidades musicais non rematan aquí. Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos é o décimo noveno traballo discográfico de Luar na Lubre, un álbum que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño de Santiago a través das historias de quen percorreu os sendeiros: os peregrinos. Tal e como explica Bieito Romero, “as vieiras son o símbolo máis recoñecible de Santiago como apóstolo e tamén dos peregrinos que, en numerosas ocasións, levaron para a súa terra desde as nosas praias (… ). Eles, que levan as vieiras, fan os vieiros”. Luar Na Lubre pon en valor a banda sonora dos territorios polos que transita o itinerario xacobeo, e que abrangue lugares como O Cebreiro, A Fonsagrada, a Costa da Morte ou a propia cidade de Compostela. A edición inclúe tamén un segundo disco que recompila algúns temas da formación vinculados á ruta xacobea ou ao nacemento da mesma, como cantigas que versionou en anteriores ocasións. Conta con colaboracións tan interesantes como as de Diana Navarro, Ismael Serrano, Pablo Milanés, Miro Casabella, a Orquestra Sinfónica de Bratislava ou Carlos Jean.

Compártelo en las redes

Deixa un comentario