Por vez primeira un libro céntrase en recoller e explicar testemuños da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos. Nas súas páxinas retrátase a crueldade dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida, acreditados desde 1543 até 1980: vareadas, de xeonllos sobre garavanzos, pedras nos petos o método do anel, etcétera. Abre un camiño para o estudo das multas franquistas por “hablar al público en gallego» e das inspeccións por «exagerado acento gallego”. Lembra a profanación da lápida de Alexandre Bóveda para lle castelanizar o nome e publica regulamentos escolares inéditos que perseguían o galego no século XVIII. Detense na negativa do Consejo de Castilla a autorizar un libro en galego en 1616. Lembra como o director da Real Biblioteca española no Setecentos decidiu non imprimir as “Cantigas de Santa María” por achar «extravagancia y mal gusto» a poesía en galego. Cita queimas de libros e suscita o abraio ao saber que millares de cartas do padre Sarmiento acabaron como papel hixiénico. O autor debruza sobre estas e outras 1001 noites de pedra para así axudar a entender como se pode gañar o futuro para a lingua que nos une.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.