Manuel Castelao Mexuto e María Pilar García Negro esclarecen a xénese da obra que os compendia
“A poesía, o teatro e a narrativa de Carvalho Calero volven estar accesíbeis para o pobo a que entregou a súa vida”
Por virtude da publicación da obra “Ricardo Carvalho Calero. Obra literaria: poesía, teatro e narrativa” a obra literaria do autor volve estar accesible para o pobo a que el entregou a súa vida. Biblos sente orgullo de ter contribuído a tornar iso posíbel ao traer ao mundo da edición en galego un contributo fundamental para podermos deseñar o retrato dun escritor do cal admiran a versatilidade e o esmero con que abordou cada peza, cada xénero, cada linguaxe artística, até construír unha obra da máxima elevación estética e que agora, ao ser considerada globalmente, permite percibir en toda a súa significación o lugar impar que Carvalho Calero ocupa na literatura e na cultura galega do S. XX.
No diálogo a seguir, Manuel Castelao Mexuto e María Pilar García Negro, que prepararon e coidaron da edición, esclarecen a súa xénese e as súas características.
MCM.– Como impulsora e mai primeira deste proxecto, Pilar, tócache explicar o que o motivou.
PGN.– Na orixe estivo un paradoxo. Conforme foi decorrendo o ano en que foi dedicado o Día das Letras Galegas a Carvalho Calero (2020), tornouse evidente unha grave disfunción: saíron do prelo e ficaron dispoñíbeis no mercado máis obras sobre o noso autor que do noso autor. Foi reeditada a súa novela principal; tamén, a primeira; algunhas escolmas de poesía; algún conto; a historia da literatura… Mais o conxunto, de enorme valor, da súa obra literaria de creación en todos os xéneros só estaba até agora ao alcance de quen posúe as obras do escritor por idade, por termos sido alumnos del, por interese e devoción pola súa obra. Dáse, ademais, a circunstancia de que editoras como Sotelo Blanco ou Ediciós do Castro, que acolleron abondosa obra de D. Ricardo, xa non existen ou están inactivas.
MCM.– Foi entón cando falaches comigo para requirir a miña participación no proxecto, calculo que porque, alén de nos coñecermos desde hai moitísimos anos e partillarmos a condición de estudosos devotos da obra de Carvalho, sabías que dispuña da competencia e familiaridade necesaria nos procesos técnicos que permitirían recuperar os textos orixinais en condicións. Nese mesmo día de 2021, sentados á beira dun café, xa me falaches de procurarmos o apoio do Parlamento.
PGN.– E a razón era clara. En 1997, a profesora María Ignacia Ramos, viúva de Carvalho, entregou ao Parlamento a biblioteca e o arquivo documental e epistolar de Carvalho, que así ficaron dispoñíbeis para o seu coñecemento, investigación e divulgación por parte dos interesados na súa obra ou no seu tempo histórico e deron pé a varias publicacións. No ano do Día das Letras, o Parlamento editou ademais o volume Ricardo Carvalho Calero: discursos e leccións, que eu mesma preparei, e dispuxo a instalación dunha exposición sobre a súa vida e mais dunha mostra bibliográfica, co seu caderno explicativo, para así render tributo de admiración activa a quen dedicou toda a súa vida ao traballo de representación e de dignificación cultural da Galiza.
MCM.– Como era de esperar, o Parlamento, na persoa do seu presidente, Miguel Anxo Santalices, acolleu con todo o interese a nosa iniciativa e mesmo suxeriu alargar os contactos á Dirección Xeral de Política Lingüística, onde tamén encontramos unha actitude de plena colaboración. Á partida, contemplabamos dúas hipóteses: a desexábel sería reunir toda a obra publicada en libros por Carvalho (unha obra completa requiriría anos de procura e tería unhas dimensións inexeqüíbeis); a mínima era compilar a poesía, o teatro e a narrativa completas. Esta foi a que se materializou, grazas ao outro pé indispensábel na empreitada: unha editorial que ama os libros, como o seu nome indica, Biblos, e un deseñador co talento de Xoán González para que o volume tivese a maior dignidade tipográfica. Veu tamén a cadrar unha efeméride oportuna.
PGN.– É o que eu tiña na cabeza: Carvalho Calero tomou posesión como catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela no 25 de marzo de 1972. Infelizmente, quixo o acaso que no mesmo día e mes de 1990 se despedise de nós. En 2022, cúmprense, por tanto, cincuenta anos da inauguración da primeira cátedra, por oposición, da universidade galega, nas materias de lingua e de literatura. A presentación de Ricardo Carvalho Calero. Obra literaria: poesía, teatro e narrativa non só fai así xustiza á persoa e á obra do noso homenaxeado; celebra tamén un acontecemento histórico.
MCM.– Como ti tes lembrado varias veces, a xubilación da Cátedra en 1980 marcou unha inflexión decisiva no decorrer intelectual de Carvalho.
PGN.– É entón cando se entrega a organizar e editar a súa propia obra literaria, seguindo os criterios de selección e reprodución que xulgou oportunos. De aí saíron, nada menos!, dúas colectáneas de poesía, oito pezas de teatro, a narrativa completa, unha novela e dous poemarios novos de extraordinaria calidade, para alén doutras pezas de menor volume e, por suposto, de novas contribucións á historia e á crítica da literatura, así como ao estudo da lingua galega e a sociolingüística. Podemos aseverar que, na derradeira década da vida de Carvalho Calero, renace un escritor das letras galegas a que el tanto serviu.
MCM.– Centrémonos agora no que foi a preparación desta poesía, teatro e narrativa completas. Determinamos que, á vista das publicacións aparecidas no ano 2020, o noso traballo debía estar rexido polo máis inabalábel respecto á vontade autoral.
PGN.– É fácil afirmalo, mais foi moito máis difícil levalo á práctica.
MCM.– Con certeza, non apenas porque unha publicación sen grallas non existe, por moito coidada que sexa, mais porque Carvalho preservou diferentes conxuntos de convencións nos diferentes volumes dados ao prelo durante ese último decenio da súa vida.
PGN.– Era obrigado considerarmos a hipótese dunha unificación de acordo co último conxunto de convencións de lingua e grafía que el utilizou, as que representaba, por exemplo, Reticências…
MCM.– Era, mais tivemos en conta que o propio Carvalho se manifestou con moita enerxía contra calquera tentativa de o corrixir, a el (e a calquera escritor), como se fose un escolar, e, na introdución do volume, citamos varios testemuños dunha contundencia invulgar. Mais iso non resolvía, nin moito menos, todas as dificultades de edición dos textos. Aínda ben que, en moitos casos, encontramos no legado conservado no Parlamento textos dactilografados que permitiron resolver as dúbidas de que deixamos constancia en notas de rodapé. O que quixemos evitar por todos os medios foi traizoar Carvalho por querermos ser máis carvalhistas que el propio e introducirmos regularidades onde non as había.
PGN.– Acho oportuno esclarecermos que non se trataba de facer unha edición crítica, porque, para a facer, serían precisos varios volumes como o agora publicado.
MCM.– Con todo, non é menos oportuno acrecentar que cremos non ter deixado ningún problema de fixación do texto sen resolver ou, no mínimo, sen propor algunha solución razoábel. Tamén querería subliñar que a pluralidade de convencións empregadas por Carvalho vai da man da súa consciencia de que o proceso de fixación normativa do idioma era un proceso longo, que de ningunha maneira podía ser declarado pontificalmente resolvido ad æeternum en 1982. Así, cando alguén chamaba a atención de Carvalho para algunhas desas irregularidades, el dicía con total convicción: “Ai, esas son vacilacións da lingua.” E eran ou deben selo.
PGN.– Carvalho transmite moito ben a imaxe dunha lingua en construción e, da nosa parte, tratábase de facer un volume lexíbel, tanto do punto de vista do texto canto do deseño, e até portátil. A razón de dispormos primeiro a poesía, despois o teatro e, no final, a narrativa obedece a que esa foi a orde en que Carvalho se foi desenvolvendo como escritor.
MCM.– Fica á escolla do lector decidir por cal xénero ou obra quere comezar, mais, á vista do riqueza e calidade da obra que contén, é inevitábel imaxinarmos a dimensión que a poesía, o teatro e a narrativa de Carvalho podería ter atinxido se el non se vise forzado polas circunstancias históricas que viviu a dedicar un inmenso e plural esforzo a facer tantas cousas necesarias nun país e nunha cultura que tiña carencias en todas as áreas.
PGN.– A respecto diso, é de xustiza lembrarmos o constante apoio que lle deu a familia para el poder realizar tan inmenso traballo intelectual e manifestar a nosa gratitude ás fillas e herdeiras de Carvalho, Margarida Carballo Ramos e María Victoria Carballo‑Calero Ramos, pola súa xenerosidade na cesión dos dereitos para a edición.
MCM.– Gratitude que debemos alargar, mutatis mutandis, a Fernando Negueruela, Mercedes Boado e Manolo Blanco, polas razóns que constan no final da introdución.
PGN.– No todo, trátase de dar o valor e o mérito que ten á obra dun grande da Galiza como Carvalho Calero e facelo non apenas coa recordación de efemérides que teñen o valor que teñen, senón co ben máis prezado dunha cultura letrada: poder ler (e non só nomear ou enxalzar) a obra dos nosos escritores.
MCM.– Alguén dixo que a maior homenaxe que podemos render a un escritor é ben sinxela: lelo. Ora, é moito significativo que non haxa maneira de “monumentalizar” Carvalho, isto é, reducilo a estatua inerte e confortábel. En canto os que o ostracizaron camiñan con paso firme para a insignificancia, el continúa a inquietarnos e a formular as cuestións abertas con que a Galiza, para poder ser, ten que se confrontar.
PGN.– Coido que non debemos concluír esta conversa sen salientarmos que a posibilidade de contemplarmos, reunida, toda a poesía, o teatro e a narrativa de Carvalho Calero muda a imaxe da literatura galega contemporánea nun tempo decisivo, o que coñeceu tres formas políticas consecutivas ao longo do século XX e unha guerra que o quebrou todo, tamén a biografía do noso escritor.