Candela Ordóñez e Laura Calvo transfiguraron a sala de actos da libraría Biblos de Betanzos para dar a coñecer nunha exposición conxunta os seus respectivos proxectos artísticos de arte transformadora, “Moitomorro” e “Boor”. A Mostra leva por título “Do que sempre falaramos”. Educadoras sociais de formación, ambas atoparon no uso de materiais de refugallo (publicacións en desuso, no caso de Candela, e lixo mariño, no de Laura) o substrato para comunicar as reflexións propias e o seu compromiso co medioambiente e a sociedade. A exposición compónse de pezas únicas de deseño creadas a partir de boias e flotadores recollidos na beiramar para poñer o foco sobre a problemática do lixo mariño, e de colaxes analóxicas con mensaxes directas de crítica social. Estará aberta ata finais do mes de agosto.