Marta Villar, gañadora do XLI Premio Xerais de Novela

“En Detective Ferruchi hai un humor moi galego e moitas pequenas historias de persoas singulares ás que miro con tenrura”

Xornalista, fan da novela policial de investigación, habelenciosa no manexo do humor cando escribe e decidida a botar man das súas inquietudes sociais como materia literaria ata onde faga falta. O paso rápido de Marta Villar podería levar a pensar que na súa traxectoria todo foi chegar e encher: en 2023 publicou a súa primeira novela, Non temerás os coches amarelos; co cambio de ano obtivo o Premio Xerais de novela na XLI edición con Detective Ferruchi e este mesmo ano estreouse no eido infantil cunha aventura de humor escatolóxico que destila amor polos animais. Pero as aparencias enganan. Moitas lecturas, anos de oficio como xornalista e un afán teimudo e intenso por reinventarse están detrás desta autora bergantiñá que comezou por contar as “historias que eu quería que se valorasen, historias do rural”. A súa proposta convida “a botar algunha gargallada, ter o sorriso na cara, pero tamén a reflexionar” sobre temas controvertidos de moita actualidade.

‒Quen cualificaron os seus méritos din que Detective Ferruchi é unha novela coral e divertida contada cun ton irónico que consegue manter a intriga ata o final. Todo isto non é pouco, como se consegue?

‒O ton para min é o máis difícil de conseguir, o primeiro que tes que ter claro antes de comezar a escribir. Detective Ferruchi  escribina nun momento persoal totalmente diferente ao de Non temerás os coches amarelos e por iso o ton tamén é totalmente distinto. Onde antes era dor, amargura, sufrimento, agora é retranca, un humor moi galego e moitas pequenas historias de persoas singulares ás que miro con tenrura. Detective Ferruchi escribina estando de permiso laboral, dous meses nos que non traballei como xornalista, ou sexa, sen presión nin estrés, con tempo dabondo, sen pensar noutra cousa. Iso é o que determinou o ton, penso eu. Sentíame máis animada e puiden sacar esa parte máis de humor que teño, aínda que sen esquecer os temas sociais. Tiña moi claro o inicio de Detective Ferruchi, porque primeiro escribo na cabeza a historia, pero nada máis, o resto saíu todo dun golpe ao sentarme.

‒Nun xiro de temón, e despois de varios anos traballando fóra, a personaxe de Sol Cortés volve ao seu lugar de nacemento para ser libreira. Ambas mudanzas permítenlle a vostede falar do peso do pasado e das bondades de rachar coas rutinas. Que oco lles concede na trama a ambas experiencias?

‒Gústame falar de reinicios, reinvencións, de resetearse. Coñezo moita xente, moitos xornalistas por exemplo, reciclados en todo tipo de profesións totalmente diferentes. Gústame a idea de que unha persoa evoluciona cos anos, e non ten por que facer toda a vida o mesmo, darlle saída a outras inquietudes. Eu arrisqueime a escribir, tamén foi un pouco de reinvención. Creo firmemente que nunca é tarde para lanzarte a facer algo que te apaixona. Tamén hai, nesta novela, algo de homenaxe aos/as libreiras, a verdade. É un traballo precioso pero moito máis duro do que a xente pensa. Os xornalistas todos soñamos con ser libreiros.

‒Como foi que vostede decidiu dar o salto e pasar de ser só xornalista a mergullarse no mundo literario?

‒Escribo dende sempre, como din todos os escritores. Son desas netas afortunadas criadas cos avós, dos que aprendes unha educación complementaria. Cun avó coma o meu, que cada día me contaba un conto, non podía ser que eu non escribise. Hai bastante homenaxe a meu avó en Detective Ferruchi, por certo. El si que era un personaxe! E por iso escribía de nena, entrevistaba a toda a familia, facía moreas de poemas. De nena participaba en concursos de redacción e poesía, gañei algúns coma o do Concello de Malpica, e noutros quedei finalista. Pero despois deixeino, ao ir á Universidade. Estaba máis preocupada en estudar, aprobar, ter un emprego…E funo deixando. Presenteime a algúns certames de poesía, con éxito nulo, polo que xa o deixei. E por iso me enfoquei á miña profesión. O xornalismo é moi esixente. En prensa escrita traballas mañá, tarde, noite, fins de semana, festivos. Cando libras non queres seguir escribindo. Tamén é certo que para escribir precisas moita disciplina e vontade, cousas que me faltan. Por iso, aínda que haberá unha década que me dixen que polo menos un libro tiña que escribir na miña vida, non empecei a facelo ata 2019. Cando mandei Non temerás os coches amarelos a Xerais era a última oportunidade que me daba a min mesma antes de deixalo, de non volver escribir máis.  E unha vez publicado, para min foi unha liberación interior, como se empezase de novo despois de deixar atrás unha carga moi pesada.

‒Ao pouco de chegar a protagonista á súa vila, un brutal asasinato remove a vida sosegada de Umeiro e Sol Cortés decide tomar as rendas, investigar pola súa conta e poñer en solfa ao vecindario. Está detrás disto o seu gusto pola novela negra e policial?

‒De nena as miñas primeiras lecturas foron todas de libros de aventuras porque me criei nunha casa como as de antes: cos pais, os avós, a bisavoa e dous tíos. Miña tía Teresa era moi lectora de novelas de vaqueiros, de aventuras e asasinatos. Eu collíalle os libros. Empecei con Emilio Salgari, Jack London, Julio Verne e Robert Louis Stevenson. Fun moi apaixonada dos libros de piratas. Despois pasei ao xénero negro, primeiro co querido Vázquez Montalbán e o seu Pepe Carvalho. Gústame, máis que o crime en si, a investigación, por iso adoro a Agatha Christie, muller e escritora apaixonante que investigaba moitísimo para as súas novelas; Arthur Conan Doyle e o seu Sherlock Holmes. Tamén autores como Dashiell Hammett, Ellroy e John Le Carré . Pero confeso que aínda que me encanta a novela negra, en realidade utilizo esa estrutura como vehículo para falar de temas que me preocupan, que creo que son importantes e que se lles debería prestar máis atención.

‒Que ten máis peso en Detective Ferruchi, a intención de describir unha realidade social ou a proposta de mirar a vida con sentido do humor?

‒Na novela o principal é a estrutura formal dunha trama criminal, unha morte e unha investigación. O obxectivo  é entreter, que a persoa lectora se enganche ata o final, pero mentres vai discorrendo a trama, introduzo temas sociais actuais. O cambio climático, por exemplo, atravesa toda a novela, porque se fai referencia a que non chove, que hai unha calor abafante todo o tempo, referencias a incendios… E coma sempre, os animais teñen unha presenza importante. Neste caso falo de algo que sucedía hai anos, dos cebos envelenados con estricnina que se botaban no monte, matando cans, lobos, raposos, aves de rapina, de todo. Outro tema que toco é o da menopausa, ese momento da vida natural na muller pero tamén descoñecido e do que non se fala. E por suposto, a violencia de xénero. Gústame que haxa un contraste na obra, momentos duros, momentos divertidos. En resume, está a investigación criminal, os toques de humor e a denuncia social. É unha combinación tripla na que me sinto a gusto.

E tamén fala das condicións nas que se desenvolveron os traballos de moitas mulleres.

‒Fago varias reivindicacións en Detective Ferruchi. Por exemplo, sobre esas mulleres que traballaron nas cooperativas téxtiles para Inditex. Elas ergueron o que hoxe é un imperio, alzouse sobre as súas costas. E traballaban nunhas condicións brutais, pero ao mesmo tempo ese traballo supúxolles o seu primeiro chanzo de liberdade, a súa independencia económica, autonomía.

‒Nalgún momento concede un valor case antropolóxico á escaleira nas casas do rural.

‒Demostra coñecer a fondo a vida no rural. Poñamos por caso, cando fala das escaleiras.

‒É un tema que parece pequeno e do que non se fala, pero é moi importante porque visibiliza a tantas persoas maiores que viven atrapadas nas casas por non poder subir e baixar escaleiras. Nunha aldea preto da miña as familias ríronse moitos anos duns mozos que fixeron unha casa dunha soa planta, totalmente accesible, sen un só chanzo nin na entrada, e cun aspecto exterior coma de alboio. A risa acabou cando algúns se decataron, co tempo, do ben que estarían cunha casa así. A falta de accesibilidade é outra das razóns que expulsa xente, baleira o rural. 

‒Na súa primeira novela, Non temerás os coches amarelos, perfilábase unha infancia non moi feliz. Como foi estrearse cun texto que se presume escrito cunha intensa carga emocional?

‒De nena pensaba que tiña dereito a ter unha infancia feliz como viñan nas series norteamericanas, e que non fose así doume sempre unha carraxe tremenda. Supoño que o primeiro que escribes é o máis próximo a ti, o que mellor coñeces. Serviume para sacar moitas cousas fóra, persoais, pero tamén para contar historias que eu quería que se valorasen, historias do rural.

‒E o salto á literatura infantil e xuvenil?

‒A verdade é que non sei moi ben como foi. Paseando ao meu can polo monte un día cismei que me metía nuns problemas que merecían ser contados pero botándolle humor para quitarlles ferro. E pensei que facéndoo para nenos, desde ese punto de vista, acaíalle mellor. Sempre tiven tamén esa parte de escribir para nenos e nenas, porque é regresar ao tempo onde aínda tiñas ese tesouro marabilloso: a inocencia. A nenez é o tempo onde todo é posible, onde existe a fantasía, e eu pasaba moito tempo aí. E aínda hoxe.

–Que plans ten para o futuro inmediato?

–Teño outras cousas escritas: dous poemarios, un libro de relatos e un libro infantil. Pero non sei que farei con eles. Os poemarios xa non penso sacalos, vista a enorme calidade de autores e autoras galegos que hai hoxe en día. O meu estilo penso que xa quedou obsoleto.

‒E agora díganos con moita brevidade tres motivos para ler Detective Ferruchi.

‒Pois diría que é unha novela divertida e entretida, con dous personaxes protagonistas, home e muller, rodeados duns secundarios moi peculiares e potentes coma Cantoná; que ten unha lectura moi doada e que fai que queiras continuar ata o final para seguilos nas súas peripecias ata resolver o crime. Ten personaxes secundarios moi potentes, dos que lles colles cariño e lembras pasado un tempo.

Compártelo en las redes

Deja un comentario