“Bágoas”, exposición de tintas de Iria Prol

O sábado 13 de xuño, na libraría Biblos de Betanzos inauguramos “Bágoas”, unha exposición de tintas de Iria Prol nas que converte a lágrima en linguaxe de resistencia. “Bágoas” é unha serie de ilustracións realizadas a man que exploran as lágrimas como resposta emocional e política fronte ás crises do presente: guerras, violencia, colapso climático e incerteza colectiva.

A través de retratos de mulleres atravesadas pola tristeza, a rabia e o esgotamento, o proxecto converte as bágoas nunha linguaxe visual de resistencia e vulnerabilidade compartida. Nun contexto dominado pola produción automática de imaxes e pola intelixencia artificial, a obra reivindica tamén o valor do xesto manual, da lentitude e da presenza humana como parte esencial da experiencia artística.

O traballo explora as posibilidades expresivas do retrato e do trazo emocional, desprazando a imaxe ilustrada cara a un espazo híbrido entre o íntimo e o político. Cada unha das sete obras, realizadas en tinta sobre papel,  funciona como un estado afectivo; xuntas, constrúen un arquivo visual da dor colectiva do noso tempo.

Iria Prol é ilustradora e muralista. Formada en Enxeñaría en Deseño Industrial na Universidade Politécnica de Valencia, desenvolveu a súa faceta como ilustradora e deseñadora gráfica de xeito autodidacta. Seus son os debuxos da “Guía ilustrada do Entroido galego” (Galardón á iniciativa bibliográfica nos Premios Follas Novas 2026) e entre os vindeiros proxectos inclúese un mural de grandes dimensións para o festival Vigo, Cidade de Cor.

Compártelo en las redes

Deixa un comentario