O Parque do Pasatempo de Betanzos

Ángel Arcay Barral, Yosune Duo Suárez e Jose Souto Santé  son os autores do libro “El parque del Pasatiempo de Betanzos” que vén de chegar á libraría Biblos de Betanzos. Os autores reparan polo miúdo en 110 elementos do emblemático parque creado por Juan García Naveira nunha obra profusamente ilustrada con fotografías e infografías.  Malia que aluden en primeiro lugar á dificultade de comprender cal foi a vontade do seu creador, como consecuencia da falta de documentación histórica, os autores emprenden un demorado paseo polas etapas sucesivas do xardín e os seus detalles construtivos ata aportar un sinfín de datos procedentes de diversas fontes, recompilados no último lustro.  Reconstrúen as biografías dos irmáns García Naveira e a crónica de como se vai modelando a coñecida como “horta de don Juan” ata chegar ao seu esplendor e a do posterior declive ata o lamentable estado actual. Os autores detéñense tamén, aínda que en menor medida, noutras obras benéficas promovidas en Betanzos polos irmáns García Naveira, como as escolas e o asilo,  o lavadoiro , a Casa do Pobo, o refuxio para nenas e o sanatorio de San Miguel.  Ángel Arcay publicou en 2018 a obra “O parque do Pastempo de Betanzos. Narrativas para comprender un patrimonio profano” na que rachou coa visión tradicional para facer unha interpretación do conxunto como un lugar de iniciación á masonería. Ambas obras resultan fundamentais a día de hoxe para comprender o sentido e relevancia deste importante legado.

Compártelo en las redes

Share on facebook
Share on whatsapp
Share on twitter
Share on pinterest
Share on linkedin

Deixa un comentario