O autor analiza a evolución da diversidade LGBT ao longo da Idade Media, centrándose sobre todo en documentación galega e portuguesa, que ofrece información crucial nunha dimensión europea. Aborda diferentes relatos e retratos que quebran o que se podería pensar sobre esa etapa: o matrimonio máis antigo entre homes documentado na Península (entre Pedro Díaz e Munio Vandílaz, en 1061); o “amor” entre Sancha Pérez e Maria Leve na Compostela do século XIII; a existencia dun santoral LGBT arraigado na Galicia medieval (con figuras como Paio e Adaúlfo, e tamén co “santo atrevimento” trans de Esmerado ou Uxío); varios casos de modificacións de manuscritos para que non se vise neles textos gays ou lésbicos (por exemplo, unha cantiga de amiga entre dúas mulleres); o momento en que o cristianismo empurra un novo pecado sexual, inexistente nos seus mil primeiros anos de historia; ou uso da homofobia como arma política por parte de Afonso o Sabio contra o casal que formaban o adiantado maior do reino de Galicia e o adiantado maior do reino de León.
Valoraciones
No hay valoraciones aún.