Durante seis meses, entre o solsticio de inverno e o de verán, Xesús Fraga
percorreu os 315 quilómetros do curso do río Miño, dende o seu nacemento no Pedregal de Irimia, na serra de Meira, ata a desembocadura, na Guarda, pasando tamén polo país veciño. Esta viaxe física e contemplativa está narrada con frugalidade e enxeño, para achegar o fluxo dos regatos do principal río de Galicia, pero tamén as terras que o abranguen, como a Terra Chá, Lugo, Paradela, a Ribeira Sacra, Os Peares, Ourense ou Castrelo do Miño. “Mesturando un estilo tan lírico como documentado”, di a editora, “a narración de Fraga non se limita á dimensión natural do Miño, senón tamén a realizar un percorrido histórico, cultural e sentimental, irmandando escenarios, paisaxes, voces e testemuños únicos, e reflexionando sobre o pasado, presente e futuro tanto do río como do país”. Unha obra que convida a redescubrir a “columna vertebral, física e simbólica de Galicia” e deixarse atrapar por paisaxes que suscitan a reflexión.