Relata a insólita e descoñecida historia dun crego que foi tamén poeta, bibliófilo, bohemio, sedutor, visionario, sibarita… e director de cine. En 1922 Antonio Rey Soto (Ourense, 1879-Madrid, 1966) emprendeu o singular proxecto de fundar en Vigo a produtora Celta Film e rodar a película “Un viaje a través de Galicia y Asturias” (hoxe, perdida). Con ela xirará por América en 1923. Posuído dunha extraordinaria oratoria, Rey Soto narraba en cada proxección ao público -de emigrantes galegos, principalmente- os contidos do seu filme, exercendo o papel dun verdadeiro «benshi», esa figura capital do cinema mudo xaponés, que explicaba a trama a unha audiencia moitas veces analfabeta. O libro está ilustrado con cen fotografías e documentos moi descoñecidos e descobre a peripecia existencial dun home cuxa vida é realmente a trama dunha película, na que participa boa parte da intelectualidade galega de comezos do século XX.
Valoraciones
No hay valoraciones aún.