“Don da mirada” é o título da exposición de colaxes do poeta Manuel Torneiro (A Coruña 1932-2019) que, coincidindo co seu quinto cabodano, inauguramos en maio na libraría Biblos de Betanzos e que poderá visitarse ata o 16 de xuño. É unha homenaxe e un descubrimento. “Igual que aflora un río subterráneo, xestado na escuridade íntima da terra, queda agora ao descuberto, grazas á mostra “Don da mirada”, unha nova dimensión da poliédrica personalidade creativa de Manuel Álvarez Torneiro”, di a curadora da mostra e crítica literaria Teresa Seara. Recoñecido desde 1982 como poeta maxistral –o primeiro en acadar o Premio Nacional de Poesía para as nosas letras–, foi ademais un gran artista plástico que, con revistas vellas, creaba magníficas colaxes con elementos “sobre os que aplicará sempre unha mirada donda e tenra”, segundo explica Teresa Seara.
“Don da mirada”
Igual que aflora un río subterráneo, xestado na escuridade íntima da terra, queda agora ao descuberto, grazas á mostra “Don da mirada”, unha nova dimensión da poliédrica personalidade creativa de Manuel Álvarez Torneiro. Recoñecido dende 1982 como un poeta maxistral –sendo tamén o primeiro en acadar o Premio Nacional de Poesía para as nosas letras–, foi ademais un gran artista plástico que, con revistas vellas, creaba magníficas colaxes e, por medio de pequenos puntos de cor, facía brotar flores, doces mazás, coloridas bolboretas, aves, paisaxes primaverais ou diminutas xoaniñas, elementos sobre os que aplicará sempre unha mirada donda e tenra. Nestas obras, ademais do seu exquisito gusto estético, demostraba Manuel posuír un talento innato –ese “don da mirada” que é privativo de escasas persoas– para captar a verdadeira alma das cousas. Mais, na súa proverbial humildade, mantivo adoito esta afección confinada no tempo do ocio e no terreo do íntimo sen atribuírlles máis valor ás colaxes e aos debuxos que o de seren sinxelas mostras de afecto destinadas ás persoas do seu entorno máis próximo. Así practicaba el a amizade: compartindo connosco a radical conmoción da beleza.
Teresa Seara