Nestes últimos anos quixen trasladar a miña experiencia como pai contador de contos ao meu traballo como ilustrador
Coa mesma naturalidade coa que a tinta descende da pluma para impregnar o papel, David Pintor pasou de humorista gráfico de medios escritos, a secas, a converterse en autor dos textos e ilustracións dos seus propios libros. Caricaturista, pintor, artista polifacético e multipremiado, leva 30 anos mergullado no universo gráfico. Unha ollada á súa traxectoria revela unha intensa actividade arredor dunha manchea de editoras de diferentes países e, talvez, unha especial querenza polo mundo da infancia. Neste ano que vimos de estrear sairá do prelo a edición en galego de “Teño impo” (La Guarida Ediciones), un libro publicado en Portugal a finais de 2021 (“Estou com soluços!”, Tcharan Editora) e antes en Corea.
-Dirixido a primeiros lectores, “Teño impo!” narra a historia dun gato que precisa axuda para curar uns imprevistos saloucos. Que reto lle resulta máis difícil: resumir na viñeta dun xornal o asunto principal da actualidade mundial ou gañarse a atención dos miúdos para que gocen da lectura?
-De igual maneira que aos nenos pequenos hai que educalos na comida, intentar que coman alimentos sans e que vaian adquirindo unha dieta alimenticia boa para o seu corpo, hai tamén que intentar alimentar a súa mente con libros atractivos e imaxes de calidade. No meu caso, intento que as miñas ilustracións lles abran portas a novos mundos, e ensinarlles a maxia do debuxo.
-En 1992 comeza a traballar co guionista Carlos López baixo o pseudónimo de Pinto & Chinto e ao pouco tempo pasan a ser un referente do humor político na prensa. Que o levou a dar o paso dende o humor gráfico ata converterse en autor-ilustrador?
-A curiosidade. A min gústame debuxar dende que era moi cativo. Cando empecei a traballar profesionalmente foi no humor gráfico e a caricatura, principalmente porque coñecín a Siro, quen viu en min unha grande facilidade para caricaturizar á xente. O que pasou foi que, anos despois, fun descubrindo que a de debuxante era unha profesión con multitude de aplicacións que a facía moi atractiva, e que me permitía estar nun permanente estado de aprendizaxe. O último paso, o de converterme en autor dos meus propios libros foi algo natural, que xurdiu dunha necesidade de sentirme libre á hora de que o meu debuxo contase unha historia.
-Botando unha ollada ás súas ilustracións, calquera diría que non lle custa nada dar o salto da realidade a mundos imaxinados.
-Unha das cousas máis divertidas e asombrosas da pintura é a posibilidade de inventar mundos imaxinarios nos que vivir. Ter a posibilidade de que nunha folla en branco aparezan personaxes imaxinarios, mundos fantásticos e sucesos asombrosos é algo que segue facendo que eu estea nun continuo estado de namoramento coa miña profesión.
-Publicou en Francia, Corea, Italia, Portugal, Brasil… A súa biografía lembra a torre de Babel. Foi cousa do azar ou é que vostede é un mago das relacións internacionais?
-Desde logo non me considero ningún mago das relacións internacionais, máis ben ó contrario, foi o meu traballo que sempre falou por min. Cando alá polo ano 2000 quixen empezar a construír unha carreira como ilustrador de LIX, pensei que o máis natural era aproveitar que había en Galicia un mercado editorial propio. Facíame moita ilusión traballar dende unha estrutura editorial próxima a min como era a galega. Desafortunadamente deime de conta que o ambiente editorial galego era, en ocasións , moi sectario, moi pouco respectuoso cos autores profesionais e que isto estaba provocando que moitos ilustradores profesionais tiveramos que buscar o noso futuro fóra de aquí. É un fenómeno cultural moi triste do que non se fala, e que nalgún momento necesitaría de explicación de cara a construír un futuro editorial galego mellor.
A miña primeira selección na Feira internacional de Bolonia no 2007 foi a oportunidade de acceder a proxectos moi interesantes a nivel internacional e de construír unha carreira na que eu puidese gozar como debuxante. Esta ampliación do meu mercado de clientes posibilitou que neste momento teña unha grande liberdade á hora de elixir proxectos nos que cimentar a miña carreira como ilustrador.
-En 2019 publicou “El primer diccionario de Nara”, un libro no que ilustra termos utilizados pola súa filla, ao que seguiu “La gran aventura de Nara”. Mais non daba vostede a impresión de ser un autor capaz de levar ao público a súa vida privada.
-O nacemento da miña filla supuxo un cambio na miña carreira como ilustrador infantil. Estar con ela inspírame moito, axúdame a ver as cousas con outros ollos e dáme moita enerxía para tentar contar as miñas propias historias. Foi a razón que fixo que decidise enfocar os meus esforzos a ser o autor dos meus propios libros. Eu non o vexo como un proceso de levar o privado ao público senón dunha oportunidade de falar das cousas que en cada momento máis me interesan. Neste sentido, teño que dicir que foi unha sorte atopar unha pequena editora como a valenciana Degomagom, cun editor valente e que sabe de ilustración, para que estes dous libros viran a luz. Sinto que parte dos meus esforzos no futuro teñen que ir enfocados a buscar este tipo de editoriais.
-Para A miña árbore secreta (La Guarida Ediciones) seica se inspirou nos paseos coa súa filla preto dun lugar onde medra un salgueiro e ambos xogan e contan historias. Que pode dicir a nais e pais que comparten a lectura cos seus pequenos?
–A miña árbore secreta é un libro moi especial para min onde por primeira vez me atrevo a facer o texto e os debuxos. É un álbum ilustrado moi ambicioso onde quixen falar de moitas cousas: da amizade, do amor, da memoria, da natureza, da fantasía, do medo, da soidade… tomando como referencia unha árbore e o mundo que xira ao seu redor.
Nestes últimos anos quixen trasladar a miña experiencia como pai contador de contos ao meu traballo como ilustrador. Ese momento de lectura compartida do que falas é para min algo máxico e a miña intención é que os meus libros infantís sexan útiles nese momento especial, que sexan unha ferramenta para que ese encontro sexa unha experiencia fantástica.
-O sentido lúdico non só está presente nas obras que escribe para público infantil, senón tamén nas dirixidas a adultos e ata mesmo nos libros de viaxes nos que adoito fai algunha que outra brincadeira. Gaña sempre o neno que leva dentro?
-Gaña sempre. Empecei a debuxar cando era un neno, cando o debuxo era simplemente diversión. Logo empezou a ser máis cousas: unha maneira de expresarme, de evadirme, de comprender o mundo que me rodea, e tamén unha forma de gañarme a vida. Pero agora , vendo debuxar á miña filla, apetéceme recuperar esa fantástica espontaneidade que todos tiñamos cando eramos pequenos.
-É vostede dos que debuxan todo o día e enriba de calquera cousa?
-Debuxo moito, pero sobre todo, teño a mirada moi atenta ás cousas que me rodean. Moitas das miñas ilustracións nacen dunha viaxe, dunha visita a unha exposición, dun libro, dunha película… Son estas experiencias as que me inspiran, as que cambian a miña maneira de debuxar, e, en definitiva, me manteñen vivo artisticamente. De tódolos xeitos, inda que o debuxo é unha parte importante da miña vida, tanto a nivel profesional como persoal, teño claro que non é o único. Un exemplo disto é que, cando estou de vacacións, intento desconectar o máximo posible e non coller un lapis en ningún momento. Isto permíteme descansar e retomar despois a miña actividade con máis forza.
DE 4 ANOS EN DIANTE
David Pintor
A miña árbore secreta
La Guarida Ediciones Cartonado 25 × 25 cm 40 páxinas
ISBN: 978-84-121906-3-2
15,90 €
En castelán, Mi árbol secreto, ISBN: 978-84-121906-2-5
David Pintor
Estou com Soluços!
Tcharan Cartonado 16 × 16 cm 24 páginas
ISBN: 9789898743107
12,90 €
David Pintor
La gran aventura de Nara
Degomagom Cartonado 20,5 × 29 cm 84 páxinas
ISBN: 978-84-09-32500-9
18,05 €
El primer diccionario de Nara
Degomagom Cartonado 14 × 16 cm páxinas
ISBN: 978-84-09-11516-7
18,05 €
David Pintor
Compostela
Kalandraka Cartonado 24,5 x 16,5 cm 64 páxinas
ISBN: 978-84-8464-751-5
15 €
David Pintor
Barcelona
Kalandraka Cartonado 24,5 × 16,5 cm 64 páxinas
En castelán, ISBN: 978-84-8464-956-4
15 €
David Pintor
A Coruña
Kalandraka Cartonado 24,5 × 16,5 cm 64 páxinas
ISBN: 978-84-1343-087-4
15 €