“Sinto máis empatía polos pobos nómades que polos sedentarios, seguramente por iso me gusta tanto Galicia”, di Lola Rontano

“A miña novela apela á toma de conciencia e ao inconformismo fronte á resignación e a esta inercia histórica que nos levará á extinción”

Talvez non chamará a atención que a segunda novela, escrita en galego, da activista medioambiental Lola Rontano teña que ver cun conflicto arredor dunha mina. Tampouco que na trama se mesturen ecoloxía e loita pola terra. Pero si sorprenderá que o resultado presente en clave de intriga unha ficción que combina desobediencia civil e solidariedade entre comunidades rurais e urbanas, con misteriosas mortes e vellos rancores. Lola Rontano (Comala, Murcia, 1977) recalou en Galicia como voluntaria durante a crise do Presige. É viaxeira e profesora de francés. A súa primeira novela, Austroatlántica, la Argentina que Dios quiere (2019), foi merecedora do XXX premio Torrente Ballester en castelán. En 2014 conseguiu o XXV premio de narrativa Camilo José Cela polo relato “Las Ubres de la Noche”. Ademais de colaborar con artigos e outros textos en diversos fanzines, revistas e xornais dixitais, traduciu cancións do francés Dominique A (“El oficio de cantante”, inédito), escribiu a Teogonía dos Plásticos e participou na Antología de poesía erótica do Instituto Iberoamericano de Estudos Atlánticos en 2015. Na revista “Luzes” publicou a crónica “Diario negro dunha marea”, coordinou un artigo sobre a obra fotográfica de Man, o alemán de Camelle, e deixou unha reseña sobre a cultura de orixe galega presente en Bos Aires.

En Vila Amparo, un porto de mar da Costa da Morte, viven o bibliotecario, as profesoras, a reposteira Vitoria, o percebeiro Urbano, os mestres xubilados, a peixeira Carmela, o Tetris e mais Rou. Todos eles protagonizan un núcleo de oposición fronte ao megaproxecto dunha mineira canadense que suscita tensións e enfrontamentos entre a veciñanza, mais tamén unha estreita amizade e colaboración que cambiará as súas vidas.

-O título é xa un alento épico. É para poñernos na pista dunha novela de intenso activismo social?
-O imperativo do título interpélanos íntima e colectivamente. Durmimos de xeito individual e como sociedade tamén adoitamos estar durmidos. Durmir e vivir cos ollos pechados ás desgracias presentes ou futuras, ao que nos molesta ou que tememos. Agás cando o que soñamos resulta desagradable e traumático. Nese momento, acordar é un alivio. E isto é o punto de partida desta novela. Lembro que na época de crise a xente repetía moito aquilo de “Éche o que hai”. Neste sentido, Esperta do teu sono vai na mesma liña de ensaios como o “Indignez-vous” de Stéphane Hessel, ou do disco de Sés Opoñerse á extinción, apelando á toma de conciencia e ao inconformismo fronte á resignación, a inacción e a esta inercia histórica que nos levará á extinción. Por outra banda, en Galicia, “o fogar de Breogán”, “Desperta do teu sono” ten unha resonancia concreta, que remite ao himno nacional, a eses versos cantados ao remate das nosas mobilizacións pola salvagarda da terra e do futuro de Galicia. Por ese lado, o poema de Pondal, en apariencia tan bucólico e apacible, resulta tamén un canto cheo de vida e de significado, un auténtico himno “ecofeminista” avant la lettre. E si, seguramente, Pondal sentiríase algo incómodo con este concepto.
-Esperta do teu sono toma como motivo central o futuro da ecoloxía e o conflito da mina de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños. Que outros temas aparecen?
-Pois o propio espazo natural onde se desenvolve, a nosa soidade e illamento fronte ao mundo natural do que cada vez estamos máis distanciados, a experiencia da morte e da orfandade, a irrupción das redes sociais nas nosas vidas, a busca dun lugar no mundo, a persecución do activismo medioambiental fronte á pasividade e inacción de boa parte da sociedade, a importancia das comunidades humanas; a liberdade, o amor e a homofobia tamén están presentes. Este é un tema, que sen ser central, reflota sempre en canto escribo.

-Naceu en Murcia pero leva vinte anos en Galicia. Que nos pode contar desta travesía?
-Cheguei a Galicia despois de ter residido e traballado durante tres anos en Rusia, Francia e Bélxica, entre os vinte e un e os vinte catro anos, como profesora de español. Esta primeira viaxe a Galicia en novembro de 2002, sen eu sospeitalo, marcaría boa parte da miña vida: case a metade dela! Instaleime en Santiago de Compostela e fixen moitas amizades. Entre manifestacións de Nunca Máis e marchas contra a guerra de Irak, en catro meses falaba o galego de xeito fluído. Nese verán aprobei unhas oposicións de secundaria e convertinme en profesora de francés, unha profesión marabillosa, por certo, e o meu modus vivendi. Por sorte e, sen dúbida, por afinidade, todos os meus amigos e colegas máis próximos foron e son galegofalantes, polo que me resultou bastante doado aprender e asimilar da forma máis natural o galego. Ademais, foi unha experiencia inmensamente gratificante porque me abriu a uns horizontes totalmente descoñecidos para min, como son o Atlántico, Portugal, Brasil, Arxentina… E agora que estou a aprender italiano, vexo moitas cousas en común. De non ter pasado por Galicia, eu non sei se escribiría Austroatlántica, a miña primeira novela, ubicada na Arxentina e con protagonistas de orixe galega.
-Como neofalante foi difícil escribir Esperta do teu sono?
-Foi un desafío que me impuxen. Igual que o foi escribir unha novela “arxentina”. Lin bastante literatura galega mentres escribía esta novela, subliñando expresións e tomando notas. Lingua, natureza, patrimonio, tradición, futuro, estaban ligados nesta loita contra a mina de Corcoesto. De xeito que na novela, que é coral e contén moitísimo diálogo, non me imaxinaba os diálogos noutra lingua que non fose o galego.
Hai vinte anos que vou e veño entre Galicia e Murcia ata o punto de que aló me chaman “a galega” e aquí a xente sorpréndese cando lle digo que son murciana. Agora vexo moitos máis matices tanto na idiosincrasia como na paisaxe galega. A miña visión é máis completa e crítica. Tal vez, por iso, empezo a sentirme máis “galega”. Galega e mediterránea á vez, porque teño presente a miña raizame. Sinto máis empatía polos pobos nómades que polos sedentarios, seguramente por iso me gusta tanto Galicia. Sentinme moi ben acollida aquí.

-Como foi que a mina lle inspirou para escribir esta novela?
-Desde que me instalei en Laxe, en setembro de 2005, sempre pensei en escribir unha novela que tivese como marco a Costa da Morte. Por que? Pola beleza deste escenario tan insólito, pola xente que vive neste solitario confín da Península, un espazo que ten méritos dabondo para ser considerado un parque nacional, protexido e preservado. A realidade é moi distinta. No canto de protección, o que se evidencia é un desleixo e un curtopracismo por parte das diferentes administracións, a nivel local e nacional.
Tiña o marco mais faltábame unha historia acorde co lugar. Entón chegamos a finais de 2012, eu regreso a Galicia despois de dous anos de viaxe entre Arxentina e Madrid, con intencións de rematar Austroatlántica. De súpeto, véxome envolta na loita veciñal contra Mineira de Corcoesto. Como portavoceira e secretaria da Asociación Contramínate, xunto co resto de integrantes, vivimos de preto as accións pola defensa de Corcoesto. Dedicamos moitas horas a investigar e difundir as ameazas do proxecto mineiro de Edgewater. Asistimos á mobilización popular, eu participei en moitas das iniciativas, a nivel presencial e organizativo. O desta loita era un tema que coñecía bastante ben e tiña moito material para documentarme. Foi ante todo a forza desa unión e implicación sociais, semellantes ás que vivín cando a catástrofe do Prestige, o que me animou a escribir esta historia. O confinamento en marzo de 2020 permitiume concentrarme na composición da novela. Esta historia merecía ser recordada tamén desde as emocións e as vivencias cotiás de quen sufriu de preto a ameaza, de quen estivemos nas rúas, nas prazas e nos concellos, esixindo a transparencia e a participación que sustentan a democracia para que sexa tal e funcione.

-Vila Amparo é o porto base do movemento veciñal que se opón á explotación da mina. Sona un pouco raro, por que ese nome?
-Vila Amparo é Laxe. Un porto de mar illado, baleiro no inverno. Un escenario case prototípico para unha novela de intriga. Na vila hai unha rúa moi céntrica que leva ese nome. Vila Amparo é o acubillo, o berce e o escondedoiro dos protagonistas desta historia. Eu quixen fusionar xéneros: novela negra, novela histórica, calendario, almanaque, tratado de activismo, documento social…
-Na vida real arredor do proxecto da mina había unha estratexia empresarial opaca, unha política entreguista e a ameaza dunha explotación a ceo aberto con tratamento de cianuro. A veciñanza non aceptou un destino colonial. Que pasaría de non ser así?
-Teríamos unha comarca devastada por unha megamina de 80 quilómetros cadrados, que abranguería desde Corcoesto ata Santa Comba. Bergantiños perdería os seus sinais de identidade, deviría unha comarca mineira. Pesaría, como unha espada de Damocles, a ameaza do risco de vertidos na ría por mor de choivas e temporais. Ríos e regatos desaparecían para abastecer a mina. O val de Corcoesto sería un inmenso cráter con varias balsas tóxicas e montañas de entullos. Moitos veciños perderían as súas casas e propiedades. Cabe destacar que esta ameaza segue aí: a Xunta de Galicia acaba de aprobar un plan de Minería Sostible en colaboración coa Cámara Mineira co obxectivo de potenciar esta actividade extractiva e de facerlle un lavado de imaxe de cara á sociedade. Por outra banda, estamos vendo, nos últimos dez anos, unha proliferación esaxerada de polígonos eólicos na zona.
-Na novela lánzase un pulso crítico á condición humana?
-A novela lanza unha alerta de cara ao lugar que queremos habitar e ao tipo de sociedade onde queremos vivir. Non podemos durmir fronte a un horizonte distópico, pesimista, sen esperanza. Subliña a importancia dos lazos nas comunidades, de traballos esenciais e ancestrais como son os coidados e os oficios que nos dan de comer. Que pasaría se perdemos esas relacións e a nosa soberanía, tanto a nivel individual como social?
Lola Rontano
Esperta do teu sono
O tema central é o conflito da mina de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños. Entre misteriosas mortes e vellos rancores, Vila Amparo, un porto de mar da Costa da Morte, será testemuña da paulatina toma de conciencia e organización por parte dunha veciñanza que non acepta un destino colonial. O bibliotecario, as profesoras, Vitoria, o percebeiro Urbano, os mestres xubilados, a peixeira Carmela, o Tetris e mais Rou protagonizan un núcleo de resistencia na vila nunha loita histórica que se enfrontou á corrupción das elites políticas e económicas no goberno.
Xerais Rústica 15,5 × 23 cm 480 páxinas
ISBN: 978-84-1110-460-9
18,5
XXX PREMIO TORRENTE BALLESTER DE NARRATIVA EN CASTELLANO 2018
Lola Rontano
Austroatlántica
Deputación da Coruña Rústica 15 × 21 cm
ISBN: 978-84-98123-54-8
14 €

Fecha

02 Ago 2023
Finalizdo!

Deja un comentario