Exposición de colaxes de Emma Pedreira

Este non é un poema

Acertado título para a exposición dunha poeta que decide transitar cara outras artes máis plásticas e visuais sen desligarse das súas raíces. Emma Pedreira abriunos as portas para que iniciemos unha viaxe cara a outra das súas ocupacións como creadora: a colaxe. Textos e imaxes mestúranse con obxectos que o azar puxo no camiño dunha autora con firme vontade de innovación para xerar obras de pequeno formato esencialmente plásticas. Pero non sempre foi o azar. Tamén a premeditada busca por atopar na colocación dos obxectos unha linguaxe expresiva.

A mostra inaugurouse en decembro na libraría Biblos de Betanzos e seguirá aberta en febreiro. Inma Doval, tamén artista, lembrounos que o artefacto principal de Emma Pedreira é a palabra. Que é experta en fragmentala, dividila e cortala para despois colar cada unha das súas partes en voces diferentes. Mais desta volta transforma a palabra para navegar por espazos de creación alternativos.

A mostra abre paso a “Nómades. Entre a palabra e a imaxe” que é un proxecto artístico-discursivo que tende unha ponte entre a palabra e a imaxe, entre o texto escrito e outras formas de expresión creativa como son a colaxe, o debuxo, a fotografía, a vídeo creación, a pintura ou a escultura. Dentro deste proxecto participarán autoras galegas que son nómades entre a poesía e as artes plásticas e visuais.  Todas elas son poetas. Exporán as súas obras na libraría Biblos de Betanzos e durante o tempo que estea aberta a  mostra realizaranse actividades que manterán vivo o diálogo entre as súas “labores múltiplas”: entrevistas, presentacións de libros, proxeccións e unha mesa redonda onde se debaterá sobre a inespecificidade da arte contempoánea. O proxecto está curado por Inma Doval Porto e as primeiras artistas convidadas serán Emma Pedreira, Rebeca Baceiredo, Lorena Conde, Afra Torrado e Charo Lopes.

Fecha

27 Sep 2020 - 30 Nov 2020
¡Caducado!

Hora

Todo el día