Ángel Arcay recupera os receitarios das irmás Mendoza

“Las 1001 recetas del palacete de las Mendoza” é un dese libros que achegan aos poucos biografías de personaxes singulares que, despois da súa lectura, fan que nos preguntemos por que nunca oiramos  falar desas persoas. Ángel Arcay Barral, debullou na libraría Biblos de Betanzos unha Manchea de detalles da vida destas mulleres para as que reivindicou un lugar no Olimpo da literatura gastronómica malia non teren os seus receitarios unha concepción sistemática ao uso. O autor estivo acompañado por Ernesto Vázquez-Rey, xurista, investigador e membro da Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra, onde o mesmo día se inauguraba precisamente unha mostra do legado das Irmás Mendoza co que conta o propio museo dende os anos 70 baixo o título “De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra”.

Segundo o relato de Ángel Arcay Concha e María Mendoza Babiano de Méndez-Núñez foron un torbellino que estimulou a Pontevedra de fai cen anos. Fillas da pintora Carmen Babiano (e sobriñas-netas do mariño Casto Méndez-Núñez) foron educadas nun ambiente cultural pouco habitual na Galicia do momento. As súas figuras sobrevoan a memoria da Boa Vila na que aínda resoa o alborozo das súas veladas, das festas e do seu ritmo de vida.

Dende o seu palacete na Praza de Santa María, aberto sempre ás súas amizades internacionais e a todas as personalidades que visitaban Pontevedra, irradiaron unha luminosidade inesperada nos anos escuros do século XX. As súas ocorrencias e o seu modo de vida totalmente oposto á mediocridade establecida leváronas a ser recordadas como mulleres irreverentes, libres e empoderadas nunha sociedade que temía a súa intelixencia.

Destaca o autor que, curiosamente, a vida de Concha e de María pareceu quedar encriptada entre os seus cadernos de cociña, eses apuntamentos culinarios que foron recolectando durante anos e que agora ven a luz neste volume trala transcrición que fixo el mesmo. Mil e unha receitas escritas en varios idiomas ao mesmo tempo, con aromas procedentes de medio mundo e con produtos e técnicas que pouco tiñan que ver cos da cociña galega tradicional.

“Las 1001 recetas del palacete de las Mendoza” está contextualizada polos textos de expertos na materia como son o investigador pontevedrés Ernesto Vázquez, que reconstrúe a biografía destas mulleres; do mestre de cociñeiros Ricardo Fernández Guerra, que explica a modernidade destas elaboracións; e dos xornalistas gastronómicos Jorge Guitián e Ana Vega, Premio Nacional de Gastronomía, que sitúan este documento histórico como unha das referencias máis singulares da literatura gastronómica do século XX.

 

Date

26 Feb 2022
Expired!

Time

08:00 - 18:00

Deixa un comentario